lunes, 21 de marzo de 2016

21 de MARZO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Dende o ano 1999 a UNESCO decidiu dedicarlle un Dia Universal a un género literario que reflexiona sobre o poder da linguae poética. Como vén sendo habitual neste día, preténdese apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética, e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
As paredes do IES Carlos Casares énchense de versos, poetisas e poetas que buscan achegarse a todas e a todos e, sobre todo, que necesitan ser lidos. Un día especial para que os versos nos acompañen todo o ano. 









miércoles, 16 de marzo de 2016

CONTOS DE DEFUNTOS

Onte volvemos gozar coas historias tiradas da literatura popular grazas a Brais, integrante de A tropa de trapo. Nesta ocasión os contos de medo, onde a Santa Compaña, as encrucilladas, os espíritos que entran nos corpos das persoas ou as crenzas arredor da morte encheron o auditorio do IES Carlos Casares e fixéronnos tremer de medo, rir coas ocorrencias dos protagonistas e gozar dunha tradición oral que, como ben deixou claro Brais, non debemos esquecer porque forma parte de nós, da nosa forma de ser.




miércoles, 9 de marzo de 2016

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O 8 de marzo é o Día Internacional da Muller. En orixe era un día marcado pola solidariedade cos pobres. Son os empobrecidos os que comezan a unirse para a súa promoción. As mulleres loitan polos dereitos de ambos sexos, son sensibles pola vida en xeral, tratan o tema da fame da guerra, da escravitude e da explotación dos nenos. Todas as súas declaracións impulsan unha solidariedade claramente global e internacional. Unha cita da doutora M. Araus pon de manifesto que "a muller pasou á historia do movemento obreiro como a nai da solidariedade, sen a súa capacidade de resistencia e de loita non habería movemento obreiro".
O 8 de marzo de 1857, centos de mulleres dunha fábrica téxtil de Nova York organizaron unha marcha en contra dos baixos salarios e en contra das condicións inhumanas do traballo. Dous anos máis tarde daquel histórico 8 de marzo, crean o seu primeiro sindicato. 
Outro dos acontecementos mundialmente coñecido e lamentable foi o sucedido en Nova York no ano 1908 na fábrica Cotton Textile Factory de Washington. Un grupo de taballadoras declararon unha folga en protesta polas insoportables condicións de traballo. Pedían: ter o mesmo salario ca os homes, descanso dominical, redución a 10 h. da xornada laboral e ter dereito a lactancia. O dono non aceptou a folga, pechou as portas da fábrica e prendeu lume. Morreron 129 mulleres.
Lamenteblemente a muller aínda ten chanzos que subir na sociedade actual e de aí a importancia de destacar e reivindicar este día 8 DE MARZO.


martes, 8 de marzo de 2016

ROSALÍA de CASTRO NA VOZ DE ANXO ANGUEIRA

O mércores 2 de marzo recibimos unha visita moi especial, un antigo profesor deste centro: Anxo Angueira, volveu entrar nun lugar que tantas lembranzas lle traía e onde tan bos amigos aínda conserva. Escoitamos poemas de Rosalía de Castro na voz poderosa dun dos maiores expertos en Rosalía de Castro e presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Poemas de Cantares como" Miña santiña, miña santasa", "Nosa señora da Barca"; de Follas novas como: "A ventura é traidora" ou "¡Mar!, cas túas auguas en fondo" e de En las orillas del Sar.
Comezou Anxo Angueira destacando a Rosalía de Castro como unha gran defensora da muller e para iso leu un breve fragmento do artigo Lieders e a dedicatoria a Fernán Caballero "Señora: por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales sinto la más profunda simpatía, dedica a V. este pequeño libro (...)"
Agradecemos a Anxo a súa visita e sobre todo o posibilidade de poder escoitar os versos dunha muller á que moito lle temos que agradecer: foi unha poeta que se interesou por reivindicar a figura da muller e sobre todo da muller galega, valéndose dunha lingua moi pouco valorada naqueles anos.





martes, 23 de febrero de 2016

TROCANDO EN SONRISAS, QUEIXIÑAS E CHOROS

Como vén sendo habitual, cada 24 de febreiro lembramos a nosa poetisa máis internacional: Rosalía de Castro. Durante esta semana todo o alumnado recitou un poema de Cantares gallegos.

Realizamos unha exposición no vestíbulo do centro onde podedes consultar as obras escritas por Rosalía e outras publicacións que lle renden homenaxe.


Xa para rematar coas homenaxes a Rosalía, hoxe, 26 de febreiro tivemos a sorte de contar coa presenza de Xurxo Martínez, un especialista no Rexurdimento galego e na obra de Rosalía de Castro. Comezou o seu relatoiro explicando a orixe do termo Rexurdimento e a súa vinculación co resto das literaturas europeas para pasar axiña a centrarse na obra da poetisa máis universal. Fixo mención das temáticas frecuentes en Cantares gallegos vinculándoas con todos os problemas sociais que padecía Galicia no S. XIX e animou ao noso alumnado a recitar algúns dos poemas de Cantares.




lunes, 22 de febrero de 2016

LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO NO CASARES

Hoxe, 22 de febreiro tivemos a oportunidade de escoitar un recital poético a cargo de dúas recoñecidas poetisas galegas: Lucía Aldao e María Lado. Comezaron o recital facendo un eloxio da palabra e referíndose a unha cita de  Oscar Wilde. Os poemas cos que nos agasallaron eran da súa propia colleita, non en balde son poetas dende moi novas, comezaron a escribir na escola. As aulas de matemáticas eran para María Lado o peor dos pesadelos e durante esas horas escribiu o seu primeiro poemario, premiado nun certame. Lucía decatouse de que o seu era a escrita cando en sexto de EXB unha profesora a animara a escribir un texto en prosa para un certame. A escola foi para elas, dunha maneira ou doutra, o punto de partida para a escrita.
Achegar a poesía aos máis novos é o seu principal obxectivo e facelo dunha maneira lúdica e vangardista é a opción escolhida por elas para que lle perdamos o medo a este xénero literario.
A escrita vangardista, apropiarse da poesía das portas dos baños ou dos muros das cidades son técnicas que as nosas poetisas aproveitaron e coas que conseguiron engancharnos.




Unha actividade moi especial con dúas poetisas moi especiais para conmemorar o 24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA.





domingo, 21 de febrero de 2016

ROTEIRO LITERARIO CON FRANCISCO CASTRO

O xoves 18 de febreiro o alumnado de terceiro e cuarto de ESO paseou polos lugares por onde transcorre a novela Tes ata as dez de Francisco Castro. 
Partimos, coma nas ocasións anteriores, da Casa de Gloria na Praza da Constitución para logo irmos cara á antiga sede de El pueblo gallego, actualmente é o Colexio de Arquitectos. Nesta parada Francisco botou man das súas lembranzas de neno na escola unitaria de Teis e sobre todo lembrou a un antigo profesor que os levara ata o lugar onde se imprimía aquel xornal con tanta importancia na novela. Coincidencias da vida, indo cara ao antigo local da chocolatería Bonilla, atopouse Francisco con aquel antigo profesor que tantas lembranzas lle traía. Foi un encontro moi emotivo e moi emocionante para o autor. 


A parada final do Roteiro foi o monumento en homenaxe a Xulio Verne. Unha parada tamén con anéctoda: un 18 de febreiro, pero de 1868 o Nautilus atravesara a Ría de Vigo, cumpríanse daquela 148 anos deste grande acontecemento. Cando nos achegamos ao monumento vimos que estaban a gravar unha reportaxe e, como non podía ser doutro xeito, entrevistaron ao escritor Francisco Castro, gran defensor de toda a maxia literaria que xira ao redor de Xulio Verne.
Podedes ver o vídeo de La voz de Galicia lembrando o paso do Nautilus pola Ría de Vigo, premendo aquí



lunes, 15 de febrero de 2016

OS ROELIBROS VOLVEN REUNIRSE

O pasado venres, 12 de febrero, volveuse reunir o Club de Lectura Os Roelibros. Xuntámonos para repartir lecturas, cadaquén elixiu a que mellor lle acaía. Nun par de semanas volveremos reunirnos, xantaremos xuntos e compartiremos impresións sobre estas lecturas: de medo, de amor, de humor, de aprendizaxe, poemas e relatos...













14 DE FEBREIRO, DÍA DO AMOR

O 14 de Febreiro foi o Día do Amor ou día de San Valentín, como marca a tradición. A orixe remóntase ao século III, cando o emperador Claudio II decidiu prohibir a celebración de matrimonios entre os máis novos. O motivo era que os homes solteiros e sen familia eran os mellores soldados.

  Valentín, era un sacerdote que viviu durante o mandato de Claudio II. O sacerdote desafiou o emperador e celebraba, en segredo, matrimonios entre mozos namorados. Claudio II enterouse e mandou que o meteran na cadea, finalmente ordenou que o martirizasen e o executasen o 14 de febreiro. De aí vén a popularidade deste sacerdote, que foi santificado posteriormente, e o nacemento do Día do Amor ou Día de San Valentín.
Durante unha semana todo o alumnado do Casares tipo oportunidade de enviar mensaxes de amor e de amizade a quen desexasen, e vaia se o fixeron!!
Alumnas e alumnos que pertencen ao Equipo da biblioteca e ao Equipo de dinamización fixeron o reparto das mensaxes de amor.
CANTO AMOR NO CASARES!!!












Petiscos de amor colgaron das paredes do vestíbulo do Casares: citas de amor dos poetas latinos máis universais. 


As profesoras e profesores do IES Carlos Casares tamén se animaron a participar neste Día do Amor. Cada un deles achegou un poema de amor que para ela ou para el tivese un significado especial. Poden verse expostos nas paredes do centro.




domingo, 7 de febrero de 2016

E CHEGOU O ENTROIDO!!

Cos compadres e coas comadres xa deramos inaugurado o tempo de Entroido, mais foi o venres 5 de febreiro cando o IES Carlos Casares se vestiu coas roupaxes e cores típicas dunha época do ano onde o mundo vira do revés, para gusto e goce de todas e todos. Menos mal que nos queda o Antroido, Entroido ou o Carnaval, como queiramos chamalo!!