sábado, 28 de noviembre de 2015

CONCERTO DIDÁCTICO DE ALBA BARREIRO

O venres, 27 de novembro tivemos a gran sorte de escoitar a unha prestixiosa arpista: Alba Barreiro.
Viguesa de nacemento, comeza a súa andaina musical no mundo do piano, mais deseguida atopa na arpa a súa verdadeira vocación. Será no ano 2000 cando comece os estudos de arpa celta da man de Rodrigo Romaní, na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Continuou os seus estudos achegándose á arpa clásica no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, sendo a súa profesora a arpista Celine Landelle, arpista principal da Orquestra Sinfónica de Galicia. Alba completa a súa formación superior no Conservatorio de Salamanca, onde asiste ás maxistrais clases de Marianne dez Voorde, e no ano 2013 obtén a titulación Superior en Musikene (Centro Superior de Música do País Vasco).
A súa experiencia coa arpa celta é de sobra coñecida: foi membro da orquestra folk SondeSeu (dirixida por Rodrigo Romaní), coa que gravou tres álbums: Mar de Vigo, Trastempo e Barlovento, participou en festivais como o intercéltico de Lorient ou o Festival de Ortigueira.
No ámbito da arpa clásica detaca o seu paso pola Joven Orquesta Nacional de España, a Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia, e pola Sinfónica de Castela e León.
Participou na gravación das bandas sonoras de películas como: Los girasoles ciegos, Pradolongo ou A casa da luz.
O seu traballo complétase, ata o momento, con concertos como solista, integrándose en grupos de cámara ou colaborando en diferentes formacións musicais: Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Na actualidade, desenvolve o seu labor como docente na Orquestra Sinfónica de Galicia, na Escola Municipal de música folk de Vigo, no Conservatorio Mayeusis e no Centro Creativo e Musical de Moaña.
Alba realizou todo un percorrido polas orixes dun instrumento tan antigo como fermoso, que ten a súa orixe nos sons que producían as cordas do arco dos cazadores cando as tocaban. Falounos da arpa celta, a arpa barroca española, a arpa paraguaya e a arpa clásica. Explicounos como se conseguían as diferentes notas e os diferentes sons movendo as chaves ou, no caso da arpa clásica, cos pedais.
Xa para rematar deleitounos cunhas pezas musicais fermosísimas: Alalá de Vilalba con Marcha procesional, Unha noite no Santo Cristo (alborada) e Albeida (alalá). Unha alumna de 2º de ESO pechou o acto dando lectura a uns poemas de Ana Romaní e Luz Pozo acompañada dos sons da arpa.

 A delicadeza dos movementos dos seus dedos acariñando as cordas e a suavidade da música que delas saía, conseguiron emocionarnos a todas e a todos.



  

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

O 25 de novembro, como vén sendo habitual, realizamos un acto en homenaxe a todas as vítimas de violencia machista. Participou unha parte representativa do noso alumnado. Alumnas de segundo de ESO leron textos destacando a figura da María de Villota como un heroína na Fórmula 1 e sobre todo unha muller que tomou partido na loita contra a desigualdade defendendo os dereitos da muller. Outras alumnas leron textos explicando a historia das irmás Mirabal e o seu cruel asasinato sendo vítimas da ditadura de Trujillo na Republica Dominicana. O acto estivo acompañado polos marabillosos acordes de  piano de Bruno, un alumno de primeiro de Bacharelato.  O 25 de Novembro, non é unha data para festexar, pero si para alzar a voz máis ca nunca en CONTRA  DA  VIOLENCIA.




CONTACONTOS GALEGO-INGLÉS

O pasado martes 17 de novembro, asistimos a unha sesión de contancontos no auditorio do Instituto. Ao chegar xa estaban as dúas contistas, Sophie Heydel e Charo Pita, no escenario: sentadas e preparadas para comezar a actuación. Ao comezar sorprendeunos que unha delas falaba inglés, mentres que a outra traducía o conto ao galego. Á muller inglesa entendíaselle perfectamente, mentres que a muller que falaba en lingua galega dáballe esa énfase humorística que a actuación necesitaba. O momento que máis nos gustou foi o da interactuación coas contistas a través de xestos e movementos diferentes.
Varios foron os contos cos que nos deleitaron: Barbaazul, Manolo, Muller e promesa, Arco de trunfo, Rei cabezón, Tres contos e o coitelo, etc.
Ao longo da mañá fomos pasando distintos cursos: primeiros e segundos de Bacharelato e un grupo de 4º de ESO. Todas e todos o pasamos moi ben.  Foi unha nova experiencia da que gozamos moito e non teriamos inconveniente en repetir.

Texto escrito por: Isaac Villar e Patric Espada (1º Bac. E)

ROTEIRO LITERARIO

Os días 17 e 19 de novembro o alumnado de terceiro e cuarto de ESO tiveron a oportunidade de realizar un roteiro literario baseado na novela Tes ata as dez, do escritor vigués Francisco Castro. O alumnado estivo acompañado do autor e puideron visitar os lugares máis emblemáticos a través dos cales discorría a historia: a imprenta, a notaría, as oficinas do xornal El pueblo Gallego, a coñecida chocolatería Bonilla ou o monumento a Xulio Verne. Francisco foinos explicando todos os detalles e pormenores da súa obra. Foi un roteiro moi interesante porque coñecemos parte da historia da nosa cidade, dende a guerra civil e a posguerra ata a actualidade,  ademais de achegarnos á lectura dunha obra que discorre polas nosas rúas.



lunes, 9 de noviembre de 2015

LENDO O ACHADO DO CASTRO

Mirade que ben o pasamos na primeira sesión do Club de Lectura. Comemos, bebemos e por suposto LEMOS  e  RIMOS!!




LIBROS DE LECTURA (1º e 2º ESO). Curso 2015-2016





   O Club de lectura do IES  Carlos Casares volve reunirse para compartir   lecturas. A primeira obra á que nos imos achegar é O achado do castro de M. Núñez Singala, unha obra de teatro de carácter cómico.

domingo, 8 de noviembre de 2015

O SAMAÍN

SAMAGOSTÍN

Outro ano máis imos recuperar a tradición do SAMAÍN, imos festexalo con fadas, trasnos e co resto de seres máxicos que habitan no noso imaxinario.
Tallaremos cabazas e acenderemos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan.

Pequena referencia histórica

O día 1 de novembro era o primeiro día do ano segundo o calendario celta. Celébrase a tradicional noite de Samaín na que ocorrían cousas máxicas.
Os celtas crían que esa noite a fiestra que separaba o mundo dos vivos do mundo dos mortos desaparecía, e que a véspera de Samaín as almas dos mortos regresaban para visitar fogares terrenais. Co gallo de manteren os espíritos contentos deixábanlles comida e doces fóra dos fogares.
Despois, logo da conquista, os romanos exerceron a súa influencia no mundo celta cos festivais á deusa romana da colleita, Parmona, e máis adiante os cristiáns -que consideraban que os celtas adoraban ao demo, aínda que este nunca existiu na relixión céltica-, converteron a festa no día de Todos os Santos, de onde deriva o nome de Halloween en inglés.

 Sabemos que unha vez ao ano se xuntan os mortos para facer un magosto nunha lubre ao pé do castiñeiro máis vello de Galicia. Cada trasno ou meiga leva algo de xantar para compartir, só durante esa noite actúan como humanos e non descobren o seu lado maligno.






DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro é o día das Bibliotecas e, como non podía ser doutro xeito, Bibliocasares agasalla a toda a comunidade educativa cun libro. No vestíbulo podedes escoller títulos e levalos para a vosa casa.