O venres, 27 de novembro
tivemos a gran sorte de escoitar a unha prestixiosa arpista: Alba
Barreiro.
Viguesa de nacemento,
comeza a súa andaina musical no mundo do piano, mais deseguida atopa
na arpa a súa verdadeira vocación. Será no ano 2000 cando comece
os estudos de arpa celta da man de Rodrigo Romaní, na Escola de
Artes e Oficios de Vigo. Continuou os seus estudos achegándose á
arpa clásica no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, sendo
a súa profesora a arpista Celine Landelle, arpista principal da
Orquestra Sinfónica de Galicia. Alba completa a súa formación
superior no Conservatorio de Salamanca, onde asiste ás maxistrais
clases de Marianne dez Voorde, e no ano 2013 obtén a titulación
Superior en Musikene (Centro Superior de Música do País Vasco).
A súa experiencia coa
arpa celta é de sobra coñecida: foi membro da orquestra folk
SondeSeu (dirixida por Rodrigo Romaní), coa que gravou tres álbums:
Mar de Vigo, Trastempo e Barlovento, participou
en festivais como o intercéltico de Lorient ou o Festival de
Ortigueira.
No ámbito da arpa
clásica detaca o seu paso pola Joven Orquesta Nacional de España, a
Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia, e pola Sinfónica de Castela
e León.
Participou na gravación
das bandas sonoras de películas como: Los girasoles ciegos,
Pradolongo ou A casa da luz.
O seu traballo
complétase, ata o momento, con concertos como solista,
integrándose en grupos de cámara ou colaborando en diferentes
formacións musicais: Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra
Sinfónica de Galicia.
Na actualidade,
desenvolve o seu labor como docente na Orquestra Sinfónica de
Galicia, na Escola Municipal de música folk de Vigo, no
Conservatorio Mayeusis e no Centro Creativo e Musical de Moaña.
Alba realizou todo un
percorrido polas orixes dun instrumento tan antigo como fermoso, que
ten a súa orixe nos sons que producían as cordas do arco dos
cazadores cando as tocaban. Falounos da arpa celta, a arpa barroca
española, a arpa paraguaya e a arpa clásica. Explicounos como se
conseguían as diferentes notas e os diferentes sons movendo as
chaves ou, no caso da arpa clásica, cos pedais.
Xa para rematar
deleitounos cunhas pezas musicais fermosísimas: Alalá de Vilalba
con Marcha procesional, Unha noite no Santo Cristo (alborada) e
Albeida (alalá). Unha alumna de 2º de ESO pechou o acto dando
lectura a uns poemas de Ana Romaní e Luz Pozo acompañada dos sons
da arpa.
A delicadeza dos
movementos dos seus dedos acariñando as cordas e a suavidade da
música que delas saía, conseguiron emocionarnos a todas e a
todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario