viernes, 24 de abril de 2015

LEDICIA COSTAS

O venres 17 de abril, Ledicia Costas, coa súa Escarlatina, a cociñeira defunta, veunos visitar dende o inframundo. A autora demostrou a súa enorme capacidade de fabulación e fixo das avoas e dos avós os verdadeiros protagonistas de todo o encontro. Rimos a cachón cos inventos asasinos do avó de Ledicia para matar gatos, paxaros e todo becho vivente que molestase o seu Seat Ibiza ou a súa horta. As historias das avoas galegas e o afán por asasinar mascotas tamén tiveron un oco: varios gatos saíron vivos, ou non, da lavadora mais, iso si, ben aseados. O alumnado de primeiro e segundo de ESO gozou coas lecturas de varias das súas obras: Escarlatina, a cociñeira defunta, Mortos de Ningures, Ouro negro, O corazón de Xúpiter ou a súa primeira obra escrita en plena adolescencia: Unha estrela no vento. Ledicia inspirouse, en todas elas, na vida real e persoal, sobre todo naqueles sucesos, acontecementos e persoas que deixaron e aínda están a deixar pegada na súa vida. A protagonista de Unha estrela no vento -Reina- está inspirada nunha compañeira de etnia xitana coa que compartiu estudos en Beade. En O corazón de Xúpiter puxo de manifesto o problema do acoso ou “bulling” tan presente na sociedade actual. Os elos de unión na obra de Ledicia van artellando cada un dos seus libros: o xénero feminino é o protanista en todas as súas historias: a cociñeira defunta, a moza de etnia xitana, a adolescente acosada ou a detective Nola; a predilección polos michos negros é outra das súas características, hai, por parte de Ledicia, certo afán en outorgarlles protagonismo. A través da súa escrita, a autora denuncia temas tan actuais como: a situación dos emigrantes, a discriminación racial, a contaminación do medio mariño, o acoso, etc. A partir da lectura de Escarlatina, a cociñeira defunta, o alumnado de primeiro de ESO realizou obradoiros nos que participaron as familias para logo agasallar a autora con deliciosos doces, unha torta do inframundo, o mandil da cociñeira defunta ou a propia Escarlatina convertida en fofucha. Grazas á autora por ter visitado o noso centro e por ser tan boa contadora de historias. Grazas tamén a Leandro e á Editorial Xerais por facilitarnos a organización deste encontro lúdico-literario, e sobre todo moitísimas grazas aos pais e alumnado do Carlos Casares por colaborar nas actividades ao redor do libro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario